39.1 C
O Barco de Valdeorras
lunes, julio 6, 2026
Publicidad

Un verán de poesía para o xurado do «Premio Florencio Delgado Gurriarán»

X
Publicidad

Un total de 68 poemas optan ao VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

Tras sete edicións, o VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán chegou con importantes novidades. A primeira, que cada persoa podía presentar un único poema candidato que debía ser inédito, escrito en galego e cun máximo de 50 versos. O obxectivo deste cambio, como destacou a xerente da Fundación, Débora Álvarez Moldes, era que o recoñecemento fose para unha voz poética máis que para unha obra concreta. Pois ben, unha vez rematado o prazo de presentación de obras e revisada a documentación dos candidatos, a elección do premio estará entre 68 voces poéticas en galego

Entre elas decidiranse os tres poemas finalistas que se darán a coñecer antes do 1 de setembro, os cales, tamén como novidade, xa se poden considerar premiados.

O segundo cambio incorporado á convocatoria deste ano é que ao premio principal de 3.000€ ao mellor poema, se suman un segundo premio de 500€ e un terceiro de 300€. O reparto coñecerase na gala poética que se celebrará o sábado 19 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco. Nela, terán protagonismo os poemas finalistas e os seus autores e autoras, así como o xurado que se vai encargar de escollelos.

Publicidad

Como cada ano, o xurado do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán reúne artistas, literatos, e activistas culturais de diferentes xeracións. Nesta ocasión, a tarefa de dedicar o verán a poesía valorando os poemas candidatos téñena: Lúa Mosquetera (Miño, 1988), creadora da nova poesía galega cunha proposta marcada polo feminismo, a oralidade e a experimentación escénica; Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958), poeta, editor e gañador da anterior edición deste Premio; a

poeta, dramaturga e actriz valdeorresa Fátima Delgado (O Barco, 1981); o docente e escritor Raúl Gómez Pato (Ourense, 1966), quen destaca polo seu labor como tradutor e director da colección Vetera da Editorial Rinoceronte; e Sara Faro (Vigo, 2001), música, dramaturga e creadora escénica, integrante do grupo musical Fillas de Cassandra.

Ademais do xurado, na gala darase protagonismo á autora do cartel deste ano, a artista ruesa Clara Quiroga, quen entregará á Fundación o cadro orixinal no que se basea. O VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán conta de novo co apoio da Deputación de Ourense e dos concellos do Barco de Valdeorras, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Petín, O Bolo e Larouco.