33.8 C
O Barco de Valdeorras
martes, junio 23, 2026
Publicidad

«Queremos que o verán cultural contribúa a facer do Barco un destino atractivo»

Margarida Pizcueta, verán cultural no Barco
Publicidad

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, presentou o Ciclo De Perto e avanzou o programa do verán

O Concello do Barco presentou a XIV edición do «Ciclo De Perto, a palabra contada, cantada e rimada», que terá lugar entre os días 30 de xuño e 31 de xullo, nos xardíns da Casa Grande de Viloira e na Praia Fluvial do Malecón. A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, tamén avanzou a programación do verán cultural na localidade.

Ademáis do Ciclo de Perto, lembrou que haberá as festas do Chao este fin de semana, o SilFest, o programa «Terrasón», actividades relacionadas co eclipse solar do 12 de agosto, as Xornadas de Folclore, A Feira medieval de Tremiñá, a Semana de Cine, a Feira de Produtos Tradicionais e as Festas do Cristo, entre outras.

«Queremos reforzar con esta proposta unha aposta por unha cultura accesible, participativa e de calidade. Pretendemos que estas propostas dinamicen os espazos públicos e dinamicen a convivencia e contribúan a facer do Barco un destino atractivo durante o verán», expresou Margarida Pizcueta.

Publicidad

Ciclo De Perto

O Ciclo De Perto abre a programación cultural o 30 de xuño cunha narración oral de Cándida da Luz, as 20,30 horas nos xardíns da Casa Grande de Viloira.

O cartel deste ano é unha creación de Uxía Nayra Yáñez Netto, estudante de 1º de Bacharelato do IES Martaguisela. 

Serán en total sete espectáculos, que se desenvolverán todos os martes do período mencionado, ademais de dous venres (o 24 e o 31 de xullo). 

«De Perto» permitirá, de novo, que a veciñanza volva a atoparse arredor da palabra, con espectáculos de narración oral, poesía escénica, teatro, e música folk e tradicional. Cándida da Luz, Irene Reina, Lois Pérez, Lila Teatro, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Vero Rilo e Carmela, son os protagonistas que enchen o programa desta edición do “De Perto”.

Os emprazamentos escollidos para desenvolver as actividades, son lugares especiais nos que se conxugan en harmonía todos os elementos necesarios para que o ciclo se desenvolva nun ambiente de calma e serenidade, cun marco natural, amable e acolledor.

Verán Cultural 

A proposta da Concellería de Cultura inclúe na programación de verán, outras iniciativas culturais como as «Noites de cine», cuxas proxeccións terán lugar na Praza Maior, desde o día 1 de xullo ao 27 de agosto, a partires das 22:30 horas. 

No mes de agosto chegará unha nova edición do «Terrasón», cun total de seis actuacións que terán lugar os días 2, 7, 14, 22, 23 e 28 do mes, en diferentes localizacións da vila. 

Un concerto do Conxunto Moderno do Conservatorio, a 10ª edición do SilFest, o Diververán no Campo da Festa, a Feira Medieval de Tremiñá, as actividades do Concello para a divulgación da eclipse, as XLI Xornadas de Folclore, a XXXV Semana do Cine, a Feira de produtos tradicionais, ou a chegada das Festas do Cristo e a actuación de Luis Piedrahita uns días máis tarde, son outras iniciativas incluídas na programación que serán presentadas ao longo do verán.