Será guiado polo xeólogo Óscar Pazos con motivo dunha actividade da UNED na que se darán a coñecer novas investigacións sobre o lugar
Óscar Pazos, xeólogo, guiará un Paseo Xeoarqueolóxico polo Montefurado do Sil, organizado pola Comisión de Geaorqueología da SGE (Sociedad Geológica de España) a través da UNED. Será o 26 de abril e permitirá ver os restos da antiga obra hidráulico-mineira galaico-romana coa canle de derivación e túnel (Boca do Monte) e da moderna presa e o túnel furado no proxecto de Henri Steven de 1919.
No paseo, de 4 horas, tras situar e comentar a chea de minas antigas na contorna e repasar os últimos episodios de destrución do Montefurado, as personas asistentes camiñarán polo meandro abandonado achegándose á Boca do Monte río arriba e abaixo. Tamén identificarán a ignorada canle de derivación excavada no leito do río para conducir a auga cara o furado.
A andaina tamén seguirá ós restos do fracasado proxecto de Henri Steven de 1919, presa e túnel secundario construídos para voltar a poñer en funcionamento o Montefurado e recuperar o mítico tesouro acumulado no seu interior.
Óscar Pazos explica que no paseo «iremos repasando e desmontando algunhas das explicacións dadas e mitos moi populares que acompañaron a historia do Montefurado, como que foi construído en tempos de Traiano, que agora segue seu curso natural ou que hai un ‘pozo’ cheo de ouro dentro do furado, mais o obxectivo é coñecer a historia desta obra senlleira, as interpretacións que dela se foron dando co paso do tempo, os problemas asociados ao seu funcionamento e presentar a última e mais elaborada proposta do deseño e modo de funcionamento orixinal á luz das últimas pesquistas e averiguacións».
De xeito complementario ao Paseo, un pequeno seminario o día 24, accesíbel online e en diferido, colocará o montefurado do Sil no contexto dos outros 19 furados, talladas e obras hidráulicas diversas identificadas en áreas mineiras do ouro da Gallaecia e Lusitania romanas.



