O secretario xeral do PSdeG reivindicou a Galicia do interior e recursos reais para os concellos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este domingo no Domingo Gordo de Viana do Bolo, nunha xornada marcada pola celebración, pero tamén pola reivindicación da Galicia interior.
Durante a súa intervención ante os medios, Besteiro expresou a súa satisfacción por achegarse ás comarcas do oriente ourensán nun día tan sinalado. «É unha satisfacción achegármonos a Viana do Bolo e a estas comarcas do oriente ourensán con motivo dunha festa senlleira coma este Domingo Gordo do Entroido», sinalou, lembrando que apenas uns meses atrás a presenza na provincia estivera ligada a «circunstancias ben tristes», polos incendios forestais do verán.
A visita coincidiu coa celebración da Festa da Androlla e co desfile de fulións, boteiros e carrozas, unha imaxe de forza colectiva que, ao seu xuízo, demostra que o rural ten vida e capacidade.
«O noso rural ten futuro se defendemos os servizos públicos e investimos para crear oportunidades», afirmou, facendo referencia á necesidade de reforzar a sanidade, a educación e o apoio ao sector primario e á súa industria de transformación, claves para consolidar emprego e fixar poboación.
O líder socialista criticou que o PP non estea a desenvolver políticas eficaces para afrontar o reto demográfico nin para garantir igualdade territorial, e apuntou directamente ao infrafinanciamento que padecen provincias como Ourense e Lugo.
En relación co anteproxecto de lei de administración local anunciado polo Goberno galego, advertiu de que se non garante os recursos necesarios para que os concellos presten os servizos públicos en condicións, o mellor que poden facer é retirala, incidindo en que a norma debe clarificar o futuro financeiro e competencial das administracións municipais. Ao seu entender, son precisamente os concellos rurais os que están asumindo cargas que exceden as súas posibilidades para suplir carencias doutras administracións.
Besteiro rematou lembrando que o rural non é só tradición. «Ademais de cultura e de historia, o noso rural merece futuro», subliñou, apelando a políticas activas e non a “propaganda demográfica”.
Ata Viana do Bolo achegáronse tamén o secretario provincial do PSdeG en Ourense, Álvaro Vila, as deputadas Marga Martín e Carmen Dacosta; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, entre outros representantes institucionais e orgánicos.







