Ana Pontón (BNG): «Valdeorras sofre o abandono máis absoluto tras os incendios e no ámbito da sanidade»

Publicidad

A portavoz nacional do BNG chamou na Rúa a participar na movilización pola sanidade pública deste domingo en Santiago

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante unha visita á Rúa, onde participou na XVII Festa do Codillo, acusou  a Xunta de Rueda de ter Valdeorras «no abandono máis absoluto», tras ter sufrido a peor vaga de lumes da súa historia, no que observa que non hai unha actuación áxil para a rexeneración e retirada de madeira, entre outras actuacións.

Un abandono que —dixo—se reflexa tamén no desmantelamento da sanidade pública que o PP leva practicando nos seus 17 anos de Goberno na Xunta . «Hai nenos e nenas sen pediatras, centros de saúde nos que hai listas de espera e un hospital que converteron en pouco máis que un centro de especialidades», denunciou.

Unha situación que se dá en todo o país —engadiu— e que obedece a unha «estratexia deliberada de recortar na sanidade pública a favor da sanidade privada».

Publicidad

«Non é só incompetencia do PP, é ideoloxía», advertiu tras denunciar o recorte de 1.650 millóns de euros que executou o PP no sistema público nestes últimos anos mentres aumenta os recursos que deriva á privada, até acadar só este ano a «cifra récord» de 341 M€. 

É por iso que a líder do BNG fixo unha chamada a participar masivamente na manifestación que terá lugar iste domingo, 1 de febreiro, en Santiago para defender a sanidade pública e para esixirlle ao Goberno de Rueda que rectifique as súas políticas de «recortes e privatizacións» que está detrás do deterioro do sistema público. «O que está en xogo é a saúde dos galegos e das galegas», advertiu.

«Temos que reverter esta situación de recortes e privatizacións», asegurou, e é por iso que, explicou, o BNG sairá de novo ás rúas para secundar «unha desas mobilizacións que tanto lle molestan ao señor Rueda» que, na vez de poñerse de lado da xente que sofre o colapso das urxencias ou as listas de espera cada vez máis longas na Atención Primaria, «prefire poñerse detrás da pancarta da extrema dereita». 

Roberto Quiroga, Secundino Fernández, Ana Pontón, María González Albert e Iago Tabarés

Vaga de lumes

Acompañada da alcaldesa da Rúa, María Albert e de representantes e militantes do BNG no municipio e na comarca, a líder do BNG denunciou tamén o «abandono máis absoluto» no que o Goberno do PP ten a Valdeorras tras sufrir este verán «os incendios máis grandes da historia». Seis meses despois —engadiu— «a situación segue a ser desoladora» porque, cunha paisaxe tinguida de negro, «non están facendo nada para a recuperación do monte, do terreo calcinado».

En pleno inverno, soportando as intensas choivas que arrastran as cinzas da terra queimada e continúan contaminando, «o Goberno de Rueda segue de brazos cruzados e ten a esta comarca no abandono máis absoluto», criticou, sinalando este como outro dos exemplos de «como defende o PP o rural». 

Mercosur

Un PP ao que tamén criticou polo seu apoio ao acordo de Mercosur, «moi prexudicial para os sector agrogandeiro galego. No BNG non imos aceptar, como fai o PP, que se poña en perigo o futuro dos nosos gandeiros e gandeiras e das súas explotacións por un acordo que os coloca nunha situación de indefensión e de competencia desleal», salientou. 

Fronte á xestión do PP, Pontón contrapuxo o modelo de goberno do BNG na Rúa onde, da man de María Albert, trabállase «a favor da veciñanza, para mellorar a vida das persoas coa protección social e a mellora dos servizos públicos como prioridade». Destacou, neste sentido, os programas para facilitar a conciliación familiar e as melloras nas infraestruturas e equipamentos neste eido, así como a xestión da auga que está a facer o goberno nacionalista para garantir o abastecemento e a depuración a través coa construción dunha nova ETAP (estación de tratamento de auga potable). 

«Parabéns a alcaldesa e a todo o seu equipo, que están demostrando que o BNG ten un modelo de goberno municipal de calidade, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, que para iso debe servir a política para dar solucións aos problemas reais da xente», manifestou durante a súa visita á Festa do Codillo.