60 aniversario do «Pablo VI» da Rúa: O delegado da Xunta convidou a coidar o medio ambiente

Publicidad

O centro escolar festexou a data con actividades, obradoiros e conferencias

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello da Rúa para participar nos actos do 60º aniversario do Colexio Diocesano Pablo VI, que se desenvolveron baixo o lema «Ás ao futuro; Raíces dos 60 anos: celebrando os 60 anos de educación».

O delegado territorial, xunto a alumnos, antigos alumnos e profesores, colaborou no acto de plantado dunha árbore emblemática elixida polo seu simbolismo e lonxevidade, representando o crecemento e fortaleza da institución ao longo de seis décadas. O lugar
escollido foi o mesmo onde hai 10 anos xa se plantaran 50 árbores co gallo da reforestación dos montes da contorna.

Manuel Pardo tamén participou na posta en liberdade de aves que foron atendidas no Centro de Recuperación de Fauna do Rodicio, destacando a significación do proceso de solta “como símbolo de liberdade, renovación e esperanza nunha sociedade na que é necesario pór en valor o noso compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade”.

Publicidad

“Actos como estes –continuou o delegado territorial- axudan a reforzar o sentimento de pertenza e orgullo a unha comunidade educativa que fomenta os valores de respecto polo medio ambiente e a natureza”. “Entre as distintas xeracións debemos estreitar lazos de convivencia e solidariedade para deixar unha pegada duradeira nas persoas que veñen”; sentenciou.

O delegado territorial subliñou tamén que “coidar o medio ambiente é responsabilidade de todos e os nenos non son unha excepción. Aínda que poidan parecer de pequeno tamaño, o seu compromiso e accións xeran un gran impacto na protección do noso planeta. Estes son algúns aspectos que paga a pena levar a cabo con eles”.

“É fundamental que os nenos comprendan a importancia da sustentabilidade e a preservación dos recursos naturais“ -continuou- e a través da educación e concienciación ambiental, os nenos poden coñecer a importancia das famosas tres R: reducir, reutilizar e reciclar”. Deste xeito, “impulsar prácticas como o aforro de auga, enerxía e consumo responsable permítelles comprender a importancia de conservar os recursos naturais para o futuro”, rematou.

Actividades no centro

A celebración do 60 aniversario do Pablo VI contou coa presencia, ademais de Manuel Pardo, da alcaldesa da Rúa, María González Albert; o xefe territorial da Axencia de Turismo de Galicia, Cecilio Santalices; Alejandro Díaz, portavoz científico de Voz Natura e Juan José Gómez e Juan José Gómez, veterinario da Xefatura Territorial de Ourense ademais de ex alumnos do centro.

Houbo obradoiros sobre medio ambiente, de saúde, contacontos e unha charla da catedrática María Belén Gómez, «Coñecendo a nosa comarca».